Saturday 18 de May de 2024

Feijóo acorda firmar un memorando de colaboración para comprometer actuacións e intereses concretos entre o Goberno cubano e a Xunta de Galicia


“Acordamos firmar un protocolo para establecer unha colaboración máis directa e analizamos pormenorizadamente determinados sectores da nosa economía como o sector da biotecnoloxía, da enerxía eólica, o agroalimentario ou o sector da biomasa”, asevera

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, acordou co viceministro primeiro do MINCEX (Ministerio do Comercio Exterior e o Investimento Estranxeiro), Antonio Luís Carricarte, firmar un memorando de colaboración para comprometer actuacións e intereses concretos entre o Goberno cubano e a Xunta de Galicia.

“Acordamos firmar un protocolo para establecer unha colaboración máis directa e analizamos pormenorizadamente determinados sectores da nosa economía como o sector da biotecnoloxía, da enerxía eólica, o agroalimentario ou o sector da biomasa”, aseverou.

O responsable do Goberno galego aproveitou o encontro para invitar a Antonio Luís Carricarte a viaxar á Comunidade e así poder coñecer de primeira man as capacidades do sector agroalimentario –no que a produción de carne avícola, porcina e vacún se refire-; da industria da biomasa; así como a experiencia galega no eido da informatización da sanidade pública (receita e historia clínica electrónica).

Así mesmo, o titular da Xunta destacou as oportunidades que as empresas galegas poden ter no ámbito da construción e do contract, ante a iniciativa de Cuba de realizar un incremento do 30% das súas camas hoteleiras e a construción de numerosos hoteis.

“En definitiva estamos a falar dunha reunión frutífera para concretar e buscar socios en España e en gobernos europeos que lle dean ao país unha visión da economía aberta e da economía máis industrializada”, concluíu o presidente da Xunta.